En solidariedade con Nicanor Acosta

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

Comunicado de prensa


En solidariedade con Nicanor Acosta, inxustamente xulgado na Coruña este martes día 13 de outubro por defender os dereitos dunha muller anciá- Aurelia Rey- á que expulsaban da súa casa e pretendían deixar na rúa.

 

O Foro Galego de Inmigración conformado por asociacións de migrantes, entidades e colectivos sociais, sindicatos e grupos políticos, e persoas a nivel individual, que ten como obxectivo fundamental a defensa dos dereitos das persoas migrantes en Galicia, quere amosar neste Comunicado a súa solidariedade co noso compañeiro Nicanor Acosta, defensor destacado dos dereitos das persoas migrantes na cidade de A Coruña e no conxunto de Galicia, que vai ser xulgado este martes día 13 de outubro por defender  os dereitos dunha muller anciá á que expulsaban da súa casa e pretendían deixar na rúa.

Ao tempo denunciar a fonda inxustiza que se comete neste acto e noutros similares que pretenden criminalizar a resposta social revindicativa de dereitos básicos, e convocar ao conxunto da cidadanía  a unha rebelión masiva, contundente e pacífica fronte a este tipo de feitos.

 

“Consideramos intolerabel que se xulge ao noso compañeiro, destacado e coñecido activista social, que neste caso como en tantos outros, empregou a palabra, a través do seu  megafono, para defender dereitos básicos, como unha vivenda digna, para unha muller moi maior á que se pretendía expulsar de forma violenta da súa vivenda, nun dos episodios máis lamentables da recente actuación da Subdelegación de Goberno de A Coruña e do propio goberno municipal do Partido Popular. Recordamos que mesmos profesionais, como os bombeiros, negáronse a participar neste atropelo. Eses feitos que deberon supoñer a destitución inmediata de diversos responsable políticos e policiais, acaban provocando responsabilidades administrativas – con importantes multas coas que pretenden amedrentarnos-, entre outros, para o noso exemplar compañeiro.

 

O Foro Galego de Inmigración súmase a convocatoria de Stop Desafiuzamentos e doutras organizacións e colectivos sociais en apoio do noso compañeiro Nicanor Alonso. Queremos convocar ao conxunto  cidadanía para que participe neste Acto de Apoio a este cidadán exemplar, republicano de honra, que non fixo máis que defender coa palabra os dereitos dunha persoa á que se quería violentar de forma intolerable.”


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN - A Coruña
COMUNICADO:

Un morto en Salou, basta de acoso policial!

O Foro Galego de Inmigración da Coruña denuncia o acoso policial a que están sendo sometidas as persoas inmigrantes en todo o Estado Español.

O sucedido en Salou é consecuencia dunha política represiva que non se xustifica en ningún ben común.

Como en Salou, na Coruña tamén temos traballadores sumerxidos (manteiros, empregadas domésticas, vendedores ambulantes...), moitos deles persoas inmigrantes. 

Desenvolven actividades produtivas que non compiten co comercio local e polo tanto non prexudican a ninguén.

A estas persoas a Lei de Extranxeiría négalles o dereito ao traballo ao tempo que a lexislación española lles obriga á manutención dos seus fillos. É a propia lei española a que crea un campo de traballo sumerxido necesario para a subsistencia e, en moitos casos, útil para empresarios sen escrúpulos que empregan ilegalmente a estas persoas nunhas condicións propias da escravitude. Isto, e as mortes na fronteira e antes da fronteira son os principais froitos da citada Lei de Extranxeiría.

Na Coruña fomos testemuñas durante anos do acoso policial aos manteiros e aos vendedores ambulantes nos semáforos; de redadas racistas nas estacións de tren e autobuses... Fomos testemuñas de maltratos a estas persoas, algunha das cales ten lesións permanentes. Fomos testemuñas de multas sen conto e de taxas absurdas por mercancías decomisadas aos vendedores ambulantes...

O acoso policial non resolve nada, empurra á mendicidade ou á delincuencia e termina producindo persoas feridas ou, como no caso de Salou, mortes.

O acoso policial é unha aplicación das leis que atenta contra os dereitos humanos dos inmigrantes, contra a dignidade da mesma policía e contra a lexitimidade de quen lles ordea tal aplicación da normativa.

O Foro Galego da Inmigración de Coruña esixe o cese do maltrato aos inmigrantes; reivindica unha política activa de integración para evitar a súa exclusión social; e reclama unha xestión intelixente da diversidade cultural por parte das autoridades. Agardamos que neste sentido, tamén sopren novos tempos na nosa cidade.


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN – A CORUÑA



 DENUNCIA DA PERSECUCIÓN POLICIAL A UN MATRIMONIO DE PERSOAS MAIORES  ARXENTINAS 
RESIDENTE EN COMPOSTELA DENDE HAI 8 ANOS

O FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN quere facer público o seguinte comunicado informativo 
para denunciar un tremendo exemplo da persecución policial cara ao colectivo inmigrante 
residente na cidade de Santiago de Compostela que ven de suceder 
segundo os feitos que relatamos a continuación:

“Unha parella de cidadáns arxentinos de 59 e 64 anos, respectivamente, residentes en Santiago de Compostela desde o ano 2006. Viven nesta cidade co seu fillo e a súa nora, residentes legais, xunto tamén cos seus dous netos menores de idade. A muller leva varios intentos de regularización, o último deles unha solicitude de arraigo social que foi desestimada como tantas outras, pola excesiva cantidade de ingresos que se ven solicitando ás familias que presentan pre-contratos de traballo para mulleres traballadoras estranxeiras como empregadas de fogar. Supoñemos que derivada desta resolución negativa (cando estas persoas se atopan en situación de irregularidade administrativa, esíxelles que tente regularizar a súa situación; cando o intentan e non o conseguen por razóns alleas a elas mesmas ademais, entón van a por eles e elas) recibiron a visita de dous policías no seu domicilio o pasado 27 de maio – podemos imaxinar esta situación con menores na vivenda, os seus netos- que lle pediron o seu pasaporte e xa de paso ao seu home. Nese momento quedaron –requisáronlles- cos dous pasaportes (medida claramente desproporcionada, xa que está prevista nos casos de presuntos delicuentes que presenten risco de fuxida, que non parece o caso destes avos, veciños nosos dende hai oito anos) e citáronos ao día  seguinte na Comisaría de Policía, para incoarlles un procedemento de expulsión preferente (previsto para outros casos, os dos posibles delincuentes estranxeiros precisamente), coa obriga de presentarse cada 15 días na Comisaria para asinar e coa anguria de que nunha desas visitas poden ser expulsados da nosa cidade, do seu fogar, porque aquí  está o seu fogar co seu fillo e netos, o seu único fogar. Como  sucede con tantos avos, axudan a coidar dos rapaces e resultan imprescindible para esa tarefa, xa que os pais traballan moitas horas en establecementos de hostalería da nosa cidade. Arrepía escoitar, cos ollos chorosos, a esta muller como narra a humillación que sentiu por ter que deixar as pegadas  e posar para a foto esa que vemos nas películas que fan aos delicuentes nas comisarias. De verdade, poderíamos aturar que os nosos pais, os nosos vellos en Arxentina, en Chile ou en Senegal recibiran un trato semellante por unha simple falta administrativa, que a propia lexislación impide resolver na maioría dos casos. De verdade cremos que  as Forzas de Seguridade do Estado teñen que realizar labores como estas,  que non existen outros labores máis importantes para garantir a nosa seguridade que perseguir a estas persoas?; de verdade podemos consentir que unha parella de avós con tanto tempo de residencia na nosa cidade poidan recibir este trato e sufrir a anguria que teñen nestes momentos?; IMOS PERMITIR QUE ESTES AVÓS SEXAN EXPULSADOS COMO DELINCUENTES DA NOSA CIDADE QUE TAMÉN É A SÚA DENDE HAI TANTO TEMPO?. 
O PRESENTE COMUNICADO SÓ PRETENDE QUE A NOSA VECIÑANZA COÑEZA ESTE TIPO DE SITUACIÓNS- SÓ É UN EXEMPLO, PERO HAI MÁIS CASOS SIMILARES-QUE DE FORMA SILENCIOSA E SILENCIADA SUCEDEN NA NOSA CIDADE. NON CREMOS QUE DEBAMOS PERMITIR ESTE TIPO DE INXUSTIZAS CONTINUEN.