DOCUMENTO FINAL

Recollemos na primeira parte deste documento, os contidos que serviron de base a Campaña:


1.- Nun Contexto Aterrador.

A Suposta Crise Económica que estamos a sufrir dende hai anos provocada polos grandes poderes do Capitalismo financieiro internacional. Suposta, porque parece máis que unha crise, a consecuencia dun reparto de beneficios deses grupos financieiros dominantes a costa do esforzo e do traballo das clases traballadoras e mesmo das clases medias dos países enriquecidos do Planeta, está a servir de desculpa para que os gobernos centrais e autónomicos estean a por en marcha unhas políticas, en principio de fortísimos recurtes sociais, que rematan por converterse en limitación ou eliminación de dereitos socioeconómicos e mesmo cidadás e políticos básicos.

Así temos que interpretar, sen dúbida, o cambio do modelo sanitario acompañado dun claro proceso de privatización da sanidade pública; o cambio do modelo educativo coa mesma liña privatizadora e ideolóxicamente conservadora; ou tamén o cambio de modelo dos servizos de benestar social, pasando dos dereitos ao mero asistencialismo, e cun importantísimo recurtes de recursos para estes servizos básicos para @s cidad@s. Tamén sufrimos outro transcedente cambio no noso mercado laboral, coas diferentes reformas laborais, que nos deixan ás persoas traballadoras en máns da clase empresarial, e retrotrae corenta anos atrás aos nosos dereitos laborais.

Eses cambios van supoñer limitacións e eliminacións de dereitos tan importantes como que persoas con poucos ou mesmo medianos recursos non poidan estudiar de feito na universidade; que outr@s non poidan acceder, e non só persoas migrantes, a unha atención sanitaria normalizada; ou que a eliminación dos programas de integración social transforme o benestar social só en cociñas económicas ou albergues para transeúntes. Tamén que as persoas que poidan acceder a un posto de traballo, terán que aceptar condicións que supoñen a eliminación de dereitos laborais que esixiron para o seu recoñecemento moitos anos de loita obreira.

Por último, esta eliminación de dereitos que críamos consolidados de forma definitiva, pretende, nun terrible xiro antidemocrático, impedir a resposta cidadá na rúa ou limitar de forma escandalosa os dereitos das mulleres sobre o seu propio corpo.


2.- Nese Contexto: os dereitos das persoas migrantes.

Antes da mentira da Crise e dos gobernos en Madrid e Compostela, as persoas migrantes residentes no Estado Español sufrían xa unha lexislación, as “chamadas” leis de estranxeiría e os seus regulamentos de aplicación, racista e que impedía exercer moitos dereitos fundamentais, entre eles o dereito á participación democrática. Xa era suficientemente aterradora esta Lexislación, polo que Rajoy e os seus ministros non tiveron que cambiala como as outras.

Nembargantes, e sen esquecer que as agresións que estamos a sufrir afectan ao conxunto da cidadanía, queremos visibilizar neste Documento e nesta Campaña as agresións silenciosas e silenciadas que está a sufrir o colectivo de persoas migrantes, especialmente as que se atopan en situación de irregularidade administrativa, neste momento no Conxunto do Estado e na Galiza.


Salientamos así:


A.- A exclusión sanitaria das persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa, que probablemente sexa a maior e a máis cobarde das eliminacións de dereitos básicos constitucionais e humanos que se teñen producido no Estado Español nestes últimos anos. Un “parche” de beneficencia posto en marcha pola Xunta de Galicia, a través do Programa Galego de Protección da Saúde Pública, non limita a gravidade deste feito.


B.- A multiplicación das redadas racistas denunciadas por moitos colectivos e asociacións en diferentes zonas do Estado Español. Denunciadas e recoñecidas, tamén polos propios sindicatos policiais. Esas redadas, teñen na Galiza a forma de identificacións selectivas en lugares públicos como estacións de bus ou ferrocarril, centros de saúde, prazas pública, zonas de lecer, etc. Teñen tamén a forma da persecución que as brigadas de estranxeiría realizan con persoas que tentando tramitar a documentación necesaria para regularizar a súa situación, se atopan con visitas policiais nos seus domicilios, que son o primeiro paso para a súa posterior expulsión de territorio español. Perseguíndo así, como se foran perigosas delincuentes, ás mulleres que coidan das nosas persoas maiores ou dependentes, por exemplo.


C.- Outros episodios concretos na Galiza que vimos denunciando nos últimos meses serían por exemplo, a persecución do colectivo de vendedores ambulantes formado por nixerianos ou senegaleses na Coruña ou en Lugo; a aprobación nesa primeira cidade dunha nova Taxa por decomiso de mercadoría orientada a perseguir na práctica a estas persoas tentando “roubarlles” o seu único medio de vida . Outro exemplo sería a desafortunada intervención da Policia Local en concellos da zona do Barbanza na persecución deste colectivo, extralímitandose claramente nas súas funcións, ocorrido no pasado Nadal.


D.- Resulta moi preocupante tamén o aumento dos casos de explotación laboral do colectivo de traballador@s migrantes, de forma concreta no ámbito do emprego doméstico. Estas realidades increméntanse polas dificultades que moitas persoas migrantes teñen para renovar as súas autorizacións de residencia, pola nula flexibilidade amosada pola Administración nesta cuestión. Isto regresa a situacións de irregularidade administrativa e de exclusión por tanto, a persoas e familias que podían levar varios anos residindo e traballando aquí de forma regular.


E.- Salientamos, por outra banda, os recurtes de orzamentos nos servizos sociais e a desaparición práctica dos programas e recursos adicados polas administración públicas galegas e estatais ao colectivo de persoas migrantes. De forma complementaria o escandaloso tixolazo do 70% dos orzamentos adicados pola Xunta de Galiza á chamada “cooperación internacional”, con cifras similares a nivel estatal ou no ámbito das administracións locais.


F.- A situación dos CIEs (CENTROS DE INTERNAMENTO DE ESTRANXEIROS), tamén denunciada hai tempo, segue a ser tremenda. Éstes pequenos “Guantanamos”, onde se hacinan persoas que o único delicto que cometeron foi atoparse nunha situación de irregularidade administrativa, inevitable porque a lexislación non lles permite regularizarse. Espazos para os que o goberno central ven de aprobar unha lamentable normativa de funcionamento e nos que se transgreden de forma sistemática dereitos humanos. Nós últimos meses coñecemos varios casos de falecementos en situación estranas de persoas nestes Centros, tamén a sorprendente intervención da policía antidisturbios no CIE de Barcelona a pasada noite de fin de ano. Unha vergoña que non deberíamos tolerar durante máis tempo.


G.- Por último, os aberrantes e vergoñantes  acontecementos que están a suceder nos últimos meses nas Fronteiras españolas de Ceuta e Melilla confirman as denuncias que se viñan realizando de prácticas violentas, posiblemente  delictivas, e en todo caso  irregulares por parte da Policia e da Garda Cívil no “control” desas fronteiras.  Engadimos a iso, o intolerable  anuncio do Goberno Central de realizar cambios lexislativos que regularicen  ese tipo de prácticas (nomeadamente a expulsión inmediata sin garantías legais dos detidos xa no interior do territorio español) e actuacións, que van en contra dos máis elementais principios democráticos e dos dereitos humanos.


3.- O Desenvolvemento da Campaña SOS DEREITOS MIGRANTES EN GRAVE PERIGO

Esta Campaña desenvolvímola dende o 29 de Marzo (comezou cun Acto Público en Santiago de Compostela, ese día) ata o pasado 7 de Xuño, no que celebramos un Encontro Final de Traballo, no que saíron aprobadas as Propostas que xuntamos no seguinte apartado. Realizamos tamén actos de presentación da Campaña en A Coruña, Ferrol y Boiro, e este documento final da Campaña conta ademáis co respaldo de diferentes grupos, asociacións e entidades como ASOCIACIÓN LA PAZ (DAHIRA SALAM TOURA A Coruña), DOMU ÁFRICA, ÁFRICA UNIVERSAL,  FRONTE CÍVICO SOMOS MAIORÍA A Coruña, S.O.S. SANIDADE PÚBLICA, RENACER, ASOCIACIÓN CULTURAL GAYOSO E SEOANE, FORO POLA MEMORIA DE GALICIA, MUNDO SIN GUERRAS Y SIN VIOLENCIA A Coruña, VE-LA LUZ, VIOLENCIA DE GÉNERO, 15-M MONTEALTO, ASOCIACIÓN VECIÑAL DA AGRA DO ORZÁN, ASOCIACIÓN VECIÑAL OZA-GAITEIRA-OS CASTROS, PROXECTO CÁRCERE, STOP DESAFIUZAMENTOS A Coruña, LA CORUÑA SIN TECHO, PROGRAMA TRANKI-MAGAZINE (CUAC FM), PROGRAMA SIMPLEMENTE GENTE (CUAC FM), CONCELLO DE OLEIRO:  ALCALDÍA, , CONCELLARÍA DE COOPERACIÓN INTERNACIONAL,  CONCELLARÍA DE FACENDA, 1ER TENENTE DE ALCALDE, DELEGADA DE INTERIOR, S.CIDADÁ, FACENDA E URBANISMO, CONCELLARÍA DE ENSINO E XUVENTUDE; ESQUERDA UNIDA - OS VERDES Grupo municipal A Coruña, BNG Grupo municipal A Coruña, UNIVERSIDADE DA CORUÑA, Oficina de Cooperación e Voluntariado, ECOS DO SUR, ASOCIACIÓN XABIER PITA ONG, MÉDICOS DO MUNDO, ASEMBLEA DE COOPERACIÓN PARA A PAZ, ASOCIACIÓN MARUSÍA DE EMIGRANTES RETORNADOS, COORDINADORA GALEGA DE ONG PARA O DESENVOLVEMENTO, S.O.S. RACISMO - GALICIA, PARTIDO HUMANISTA INTERNACIONAL A Coruña, BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA, PARTIDO COMUNISTA DE GALICIA A Coruña, XUVENTUDES COMUNISTAS DE GALICIA A Coruña, ESQUERDA UNIDA, AMES NOVO, EQUO A Coruña, XUVENTUDE COMUNISTA GALEGA, PARTIDO COMUNISTA DE GALICIA, PsdGA-PSOE Ferrol, SINDICATO FERROVIARIO INTERSINDICAL A Coruña, CENTRAL UNITARIA DE TRABALLADORES / AS, PLATAFORMA POLO EMPREGO, ASOCIACIÓN XIARA DE EMPREGADAS DE FOGAR, COLEXIO OFICIAL DE EDUCADORES SOCIAIS DE GALICIA, ASOCIACIÓN INTERNACIONALISMO PROLETARIO, CENTRO TRABALLO E CULTURA DE CÁRITAS INTERPARROQUIAL DE SANTIAGO, SOMOS IGREXA GALIZA, VANGARDA OBREIRA, Asociacións de Veciños de diferentes cidades de Galicia e a maioría das asociacións de inmigrantes desta Comunidade  Autónoma.

A Campaña pretendía concienciar ao conxunto da sociedade galega do forte impacto que as políticas das diferentes administracións públicas están a producir nos dereitos das persoas migrantes e as intolerables situacións que padecen.

O amplo respaldo social conquerido por esta Campaña na Galiza, consideramos que merece o estudo e a consideración das propostas que presentamos nesta última parte do documento, xa que contribuirían para mellorar, de forma creemos que substancial, as políticas e actuacións dirixidas cara a este colectivo por parte das diferentes administracións públicas do Estado Español.


4.- As Propostas e Consideracións finais

En relación coa EXCLUSIÓN SANITARIA, indicar que a aplicación do Real Decreto 16/2012, que introducía un cambio substancial no modelo sanitario está a xenerar situacións discriminatorias, entre as que salientamos:

  • A perda do acceso normalizado ao sistema sanitario para case 900.000 persoas migrantes no conxunto do Estado Español.
  • Importantes deficiencias de atención sanitaria en colectivos tan significativos como as persoas menores de idade, mulleres embarazadas, persoas que padecen enfermedades crónicas, persoas que padecen enfermedades mentais, persoas que padecen enfermedades transmisibles, e en xeral no colectivo de persoas migrantes.
  • O tremendo efecto disuasorio que xenera a emisión de cartas con compromisos de pago pola atención nos Servizos de Urxencias.
  • O chamado “copago” farmacéutico, en realidade repago, posto que o sistema sanitario sostense a través dos impostos directos e indirectos que pagamos todas as persoas (tamén as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa), que está a dificultar, polo alto custe que chega a supoñer, o acceso a medicamentos imprescindibles para moitas persoas.
  • Un aumento dos custes de atención derivado da atención nos Servizos de Urxencia no lugar do ámbito normalizado da mediciña de familia.
  • A desigualdade entre os territorios do Estado, pola implantación de programas de atención específica a este colectivo (en realidade “parches”) nalgunhas comunidades autónomas. Eses Programas non están a chegar tampouco ao conxunto de persoas que deberían chegar.

Para superar esas situacións, sería preciso:

Garantir o recoñecemento efectivo e sen trabas administrativas do dereito á asistencia sanitaria a menores de idade, mulleres embarazadas, solicitantes de asilo e vítimas de trata, de persoas en período de reflexión, e nos servizos de urxencias, sen que haxa facturación nin petición documental que poida primar por enriba do dereito (como o propio RD16/2012 recoñece). Manter unha especial vixiancia sobre as seguintes cuestións:


  • A.-Poñer fin de xeito inmediato ás prácticas de facturación pola atención de urxencias ás persoas migrantes sen tarxeta sanitaria. 
  • B.-Garantir de xeito efectivo a atención sanitaria a menores de idade e mulleres embarazadas en todos os casos, independentemente de se poden presentar
  • algunha documentación identificativa ou de se están empadroadas, e sen que lles supoña custo algún.
  • C.-Recoñecer o dereito á atención sanitaria a todas as persoas inmigrantes que cumpren os requisitos para ser aseguradas ou beneficiarias establecidos no Real Decreto-lei 16/2012 independentemente da data en que foi aprobado o permiso de residencia e os motivos; e orientar debidamente neste sentido o Instituto Nacional de Seguridade Social (INSS).
  • D.- Anular a Resolución do 10 de setembro de 2013 que introduce a aplicación do copagamento (repagamento) de medicamentos hospitalarios.
  • E.- Adoptar as medidas necesarias para combater a discriminación no acceso á saúde independentemente da orixe e situación administrativa das persoas.
  • F.-Promover, no Consello Interterritorial de Saúde, a aprobación de recomendacións para o Ministerio de Sanidade orientadas a reformar o Real Decreto-lei 16/2012 e restituír as condicións para avanzar cara á plena universalidade do Sistema Nacional de Saúde.
  • G.-  A protección efectiva e con acceso inmediato aos programas de saúde pública incluíndo nelas as enfermidades mentais.
  • H.- Garantir a posta en marcha de programas de prevención dotándoos dá dotación orzamentaria precisa. 

Por iso solicitamos A DERROGACIÓN do RDL 16/2012: que o Goberno español debe poñer en marcha de xeito prioritario as medidas lexislativas, políticas e orzamentarias necesarias para restituír o modelo sanitario acorde co principio de universalidade da asistencia sanitaria. A anulación da resolución sobre o copagamento de medicamentos e garantir mentres tanto que a atención sanitaria chegue sen limitacións a todas as persoas, especialmente aos grupos mais vulnerables, mulleres embarazadas, menores e urxencias.


En relación cos RECURTES ORZAMENTARIOS E DE DEREITOS SOCIAIS que afectan ao colectivo de persoas migrantes e a outros grupos sociais de forma especial, indicar que:

As axudas sociais son claramente insuficientes no conxunto das Comunidades Autónomas. No caso da Galiza son somentes dúas: as chamada Axudas de Inclusión Social, que teñen a limitación de poder solicitarse só nunha ocasión ao longo do ano por cada persoa ou familia.

A outra axuda é a chamada RISGA (Renda de Inserción de Galicia), que só perciben na actualidade 8.500 persoas na Galiza, cando o nivel de pobreza chega a preto das 500.000 persoas neste Territorio. A limitación proven do longo proceso de tramitación e tamén do feito de que só unha de cada catro solicitudes son finalmente aceptadas, pola dificultade do cumprimento dos requisitos ou pola interpretación que se fan dos mesmos. Tamén existe unha obvia limitación orzamentaria por tratarse dunha axuda graciable e non dun dereito cidadá.

Por outra banda, a recentemente aprobada Lei de Racionalización do Réxime Local compromete de forma clara o acceso ao servizos de benestar social das persoas que habiten en concellos de menos poboación; vai supor unha diminución moi importante dos profesionais que no ámbito público se adican a estes servizos básicos; por último, abre a porta a un novo proceso de privatización de servizos de benestar social que eran públicos, coa conseguiente perda de eficacia dos mesmos.


  • Por iso, solicitamos a necesidade de implantar unha renda básica das iguais, a nivel do conxunto do Estado Español, que supere as limitacións das rendas de inserción que xestionan as diferentes administracións autonómicas. Solicitamos tamén que estas rendas, mentres tanto, cheguen sin limitacións ao conxunto de persoas que as precisen.
  • Solicitamos tamén a non aplicación e a derogación da Lei de Racionalización do Réxime Local, para garantir o mantemento duns servizos mínimos de benestar social para o conxunto da cidadanía sin discriminación algunha.
  • Comprometémonos como Foro Galego de Inmigración na promoción da Iniciativa Lexislativa Popular sobre a Renda Básica das Iguais e, tentando a coordinación cos colexios profesionais implicados, a denuncia das limitacións da RISGA e das vulneracións de dereitos sociais que se están a producir.


En relación coa PERSECUCIÓN DO COLECTIVO MIGRANTE, constatamos os mencionados vergoñentos acontecementos que suceden na chamada Fronteira Sur (Ceuta e Melilla), cun incumprimento sistemático e dramático dos máis elementais dereitos humanos. Constatamos o mantemento de redadas policiais claramente racistas, que recoñecen os propios sindicatos policiais, que supoñen a detención e criminalización de persoas que somentes cometen, en todo caso, faltas administrativas. Constatamos tamén a existencia de voos de deportación masivos de persoas de determinadas nacionalidades que se vencellan coas redadas por determinados perfís raciais.


O mantemento dos CIEs, incompatibles, pola retención sin garantías de persoas durante moitos días, cos dereitos humanos. De novo falamos case sempre de persoas que non cometeron delicto algún, salvo a falta administrativa, da irregularidade, inevitable pola propia Lei de Estranxeiría (que non ofrece mecanismos de regularización razoables). Constatamos mesmo a persecución de persoas nos seus propios domicilios ou lugares de traballo, que son requeridas, identificadas e logo detidas, simplemente pola resolución negativas dos seus expedientes administrativos.

Por outra banda, constatamos tamén o aumento da persecución policial, moitas veces das policías locais, cara ás persoas migrantes que teñen que recorrer a actividades como a venda ambulante, ás veces inevitablemente de forma irregular, para sobrevivir, convertindo así en delicto e criminalizando actividades de mera sobrevivencia, sen ofertar as administracións públicas competentes outras alternativas para a sobrevivencia destas persoas e familias.

  • Por iso solicitamos a derogación da actual Lei de Estranxeiría e do seu regulamento de aplicación; o cese da persecución cara ao colectivo migrante e das redadas racistas por cometer simples faltas administrativas; o peche definitivo dos CIEs; e o cese dos voos de deportación masivos e do incuprimento dos máis elementais dereitos humanos na Fronteira Sur do Estado Español.
  • E por outra banda, o cese da persecución cara as persoas que desenvolven actividades de venda ambulante ou similares para a súa supervivencia e a das súas familias, coa a esixencia de implementación de programas de integración socio-laborais que permitan outras alternativas máis dignas para estas persoas.


En relación coas REFORMAS LABORAIS E A EXPLOTACIÓN LABORAL, indicar que constatamos un deterioro importante dos dereitos laborais do colectivo de persoas migrantes, como consecuencia das sucesivas reforma laborais dos últimos anos. Constatamos tamén o aumento das situacións de explotación laboral d@s traballador@s migrantes, nomeadamente no campo do chamado emprego doméstico, e en sectores como o agrogandeiro, forestal, pesqueiro ou na hostalería.

  • Por iso, solicitamos, o reestablecemento dunha lexislación laboral que garanta os dereitos d@s traballador@s e o desenvolvemento das inspeccións de traballo como medio efectivo para a loita contra a explotación laboral.
  • Como Foro Galego de Inmigración, propoñemos tamén unha Xuntanza coa Inspección de Traballo onde tratar tódalas vulneracións que se dan no eido laboral e buscar alternativas para loitar contra as mesmas.


A Coruña, 18 de Xuño de 2014.


FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN.